Monday 06 de May de 2024

O pleno de San Sadurniño votará este xoves un orzamento municipal cercano aos 3,7 millóns de euros


O Concello de San Sadurniño celebrará no serán deste xoves -ás 19:30h- o pleno do mes de marzo, o último ordinario do mandato corporativo e posiblemente o máis trascendente do ano polo seu contido, xa que nel se someterá a votación o orzamento municipal 2023. As contas que proporá o Goberno local ascenden a 3.682.350,25 euros, o que supón un incremento do 16% con respecto ás do ano pasado. Cómpre ter en conta, porén, que a cifra final acabará superando amplamente os 4 millóns de euros, xa que nos próximos meses irán incorporándose achegas económicas doutras Administracións, entre elas a subvención de 493.000 euros dos fondos da Transición Xusta para executar distintas actuacións na contorna da Cortiña e dos xardíns municipais.

Nas macrocifras por apartados, a proposta do orzamento que se debaterá este xoves apunta algo máis de 1,3 millóns de euros para gasto de persoal, o que vén sendo o 36,8% da conta de gastos municipais. O capítulo sobe cuantitativamente uns 56.000 euros con respecto ao ano pasado para reflectir as subas salariais que se deberán aplicar por lei, así como os programas de contratación de persoal temporal (o PEL da Deputación e o Aprol da Xunta). Con todo, malia ser unha cantidade máis elevada, o peso porcentual vai ser máis baixo que no exercicio do 2022, cando o apartado de persoal supuxo cerca do 41% do total orzamentario.

Tamén se incrementa o capítulo de gasto corrente en bens e servizos, que se elevan até 1,5 millóns de euros -500 mil máis que en 2022-, debido entre outras cousas á suba dos custes enerxéticos e de combustibles e ao feito de que xa se contemplan as previsións de facturacións eléctricas que se producían a finais de ano e que obrigaban a facer recoñecementos extraordinarios nos primeiros meses do exercicio seguinte. Ademais, segundo a proposta do Grupo de Goberno, o capítulo tamén se ve engrosado pola recollida e tratamento de lixo ou polo feito de que sexa o propio Concello quen asuma unha parte da gratuidade da Escola Infantil Municipal.

Outro dos apartados que cómpre destacar é o das transferencias correntes, cunha dotación de 162.590 euros, dedicados a colaborar coas familias -bolsas de estudo e outras achegas- e co tecido social do municipio, por medio das liñas de axudas e convenios nominativos tanto para actividade como para a mellora de infraestruturas. Alén das transferencias correntes, tamén figuran 40.400 euros para transferencias de capital orientadas a cofinanciar melloras no centro de transformación A Fusquenlla, a colaborar coa AVV Adiante na renovación da envolvente do seu local social e a convocar subvencións para a construción de abastecementos de auga colectivos por iniciativa veciñal.

En canto a investimentos, a cifra recollida no documento orzamentario ascende a 571.586 euros, incluíndo unha vintena de proxectos relacionados con novos equipamentos, servizos básicos e reparacións viarias que xa teñen comprometido financiamento municipal ou achegas doutras Administracións, principalmente dos programas da Deputación da Coruña. Este capítulo seguramente sexa o que dentro de pouco se verá notablemente incrementado coa incorporación doutros 493.000 euros da subvención concedida a San Sadurniño polo Instituto da Transición Xusta para transformar a contorna do paseo fluvial, do arboreto da Cortiña e dos xardíns municipais.

Para soster os gastos e investimentos, a proposta de orzamentos para 2023 que se debaterá no pleno deste xoves describe os distintos capítulos dos ingresos, cunha previsión de recadación de 729.000 euros mediante impostos directos -IBI, IVTM, IAE, etc- que se manteñen un ano máis sen subas (agás o IPC). Outros 30.000 euros entrarán nas arcas municipais mediante o imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) e no capítulo 3 márcase unha previsión de obter 470.000 euros procedentes de taxas, prezos públicos e outros ingresos. Esta última cifra medra 100.000 euros con respecto a 2022, debido á contribución do 1,5% que pagan as eléctricas pola facturación no territorio.

Os ingresos que supoñen unha maior achega ao orzamento serán, de novo, as transferencias correntes. Son algo máis de 2 millóns de euros provenientes da participación do Concello nos Tributos do Estado, do Fondo de Cooperación Local e das transferencias da Deputación da Coruña para apoiar, principalmente, o gasto social (570.000 euros), mentres que as da Xunta se sitúan en 385.000 euros. Por último, no capítulo de transferencias de capital figuran 433.000 euros, onde se encadran os importes cos que se financiarán as obras do POS+ provincial e do plan de camiños da Agader. Faltaría por incorporar ao orzamento neste capítulo -igual que no apartado de gastos- a achega estatal de 493.000 euros dos fondos da Transición Xusta.

Outros asuntos do pleno
A sesión arrancará ás 19:30h e será a última do mandato corporativo de carácter ordinario, posto que a seguinte con data prefixada tocaría o xoves 25 de maio, a tres días das municipais. Iso si, antes daquela hai marxe para a celebración -de ser necesario- de plenos extraordinarios, como por exemplo o do sorteo da composición das mesas electorais.

O pleno ordinario deste mes de marzo inclúe na orde do día como asuntos secundarios, e non por iso menos importantes, un recoñecemento de facturas correspondentes a subministracións eléctricas de finais de 2022, a modificación da Mesa Interinstitucional de Coordinación contra a violencia de xénero para incorporar a ela unha representación do proxecto O Lavadoiro e, por último, tamén o apartado de rogos e preguntas.